lunes, 11 de junio de 2018

A mula do señor Arana

Esta pasada fin de semana recuperei unha afección que perdera dende que estou en Ecuador: o sendeirismo. Aquí o espazo público é menos seguro ca en Europa e non hai clubes ou asociacións sendeiristas. Mesmo a palabra resulta estraña. Nesta primeira ruta pola reserva ecolóxica de Churute coňecín ao seňor Arana, todo un vaqueiro que me ofreceu subir á súa mula.
O señor Arana. Foto de Ana Paola Echevarría
O señor Arana é un gandeiro que leva toda a vida ou boa parte, non sei exactamente, loitando por sacar adiante o seu gando nestas terras difíciles, de bosque seco tropical, quentes e húmidas, con mosquitos larpeiros que se ceban no gando e nas persoas e teñen o seu paraíso nas zonas húmidas de manglar e lagoa. Son paraxes, por outra banda, cunha biodiversidade única. Cómpre aguzar os sentidos mentres camiñas para escoitar o berro potente dos monos ¨aulladores¨, que che fan pensar en gorilas máis ca en simpáticas criaturas, ver ao paxaro carpinteiro en acción e sorpenderte coa potencia do seu taladrar , descubrir que existen os unicornios na forma, non de équido, senón de canclóns, aves de pesado voar baixo que lle dan nome á lagoa e teñen un característico corniño, ou asustarte co que se comenta das serpes x ou corais.
Ao señor Arana non lle fan moita graza os biólogos da reserva natural. Impídenlle talar árbores para estender a súa zona de gando. E a xente da reserva natural coñece ben o xenio do señor Arana. Sorprendido quedou o noso guía cando viu que nos deixaba pasar de tan bo talante polos seus terreos. Que te vexan como especie exótica por estes lares ten algunhas vantaxes. O estraño a veces fai graza ou causa admiración e entón báixanse algunhas barreiras que son momentos únicos para facer de insider. Outras, o efecto é o contrario. Mais hai que aproveitar cando os ventos veñen a favor :)

Foto de Ana Paola Echevarría

No hay comentarios:

Publicar un comentario